Saturday 27 de April de 2024

Ramón Martínez, Silvia Agrafojo e José Antonio Ces asumirán as áreas de xestión do Concello de Lousame nesta lexislatura


O BOP publica hoxe a nova organización do Concello de Lousame para esta lexilstura, presidida pola alcaldesa Teresa Villaverde Pais. A Xunta de Goberno Local estará presidida pola propia alcaldesa e composta polos tres tenentes de alcaldesa: Ramón Manuel Martínez Rial, Silvia Agrafojo Filgueira e José Antonio Ces Barreiro, que se incorpora en substitución de María Regenjo Vázquez, que non se presentou ás eleccións por motivos persoais.

A Xunta de Goberno Local terá delegadas competencias en materia de ofertas de emprego público, contratos patrimoniais, administrativos e privados, subvencións, planeamento urbanístico, competencias urbanísticas no ámbito local (outorgamento de licenzas, sancións urbanísticas, protección da legalidade urbanística…) e actividades no ámbito local.

Estrutura do Goberno

A nova estrutura do Goberno municipal queda organizada en 9 grandes áreas, das que Teresa Villaverde asumirá as competencias propias da Alcaldía, Urbanismo, Persoal, Economía e Facenda e Tramitación Administrativa. As outras cinco áreas de xestión serán asumidas polos tres tenentes de alcaldesa:

– Ramón Manuel Martínez Rial, primeiro tenente de alcaldesa, seguirá sendo concelleiro-delegado das áreas de Obras Públicas, Servizos Públicos, Alumeados e Telecomunicacións, Infraestruturas Viarias, Seguridade Viaria e Parque Móbil; e de Medio Ambiente, Medio Rural e Protección Civil.
– Silvia Agrafojo Filgueira, segunda tenente de alcaldesa, seguirá á fronte da Concellería de Servizos Sociais, Igualdade, Xuventude e Educación, á que suma as competencias en materia de Cultura.
– José Antonio Ces Barreiro, terceiro tenente de alcaldesa, asumirá as competencias de Parques e Xardíns, turismo e relacións veciñais.

Pola súa banda, Ramón Figueroa Pérez será concelleiro de Medio Rural, coordinando a súa actividade con Ramón Martínez. Yésica Fernández Míguez será concelleira de Sanidade e Protección Civil, tendo que coordinarse con Silvia Agrafojo e Ramón Martínez, respectivamente. Finalmente, Jesús Martínez Castro será concelleiro de Deportes, dependente da Concellería que dirixe Silvia Agrafojo.